Vivimos tempos convulsos, onde o movemento a través das fronteiras é cada vez máis controlado polos Estados, e o tránsito na procura dunha vida mellor constantemente limitado por maquinarias burocráticas que desdignifican a quen se ven obrigados a emprender tal camiño. Transmigrantes. Fillas da precariedade, nace deste contexto, achegándose á nova diáspora galega, preferentemente localizada no norte de Europa, que tristemente se está vendo cada vez máis intensificada. Faino tendo en conta os diferentes condicionantes históricos e económicos dese colectivo, invisibilizado polo xeral tanto nos países de acollida coma nos de orixe, sen deixar de correlacionar este fenómeno co movemento transmigrante internacional, das moitas e moitos que teñen que marchar das súas terras de orixe cara a destinos impredicíbeis e totalmente descoñecidos.
Desde a perspectiva da teoría poscolonial e a subalternidade, a autora preséntanos un contradiscurso para cuestionar a idealización desta nova emigración interior europea, sinalando ademais os varios retos aos que o precariado transmigrante actual ten que facer fronte a causa da súa depreciación como capital humano.
Este libro reflicte a voz dunha xeración que padece de anacronismo, a voz desas galegas e galegos que ven alén das súas fronteiras o único xeito de supervivencia. Crítica minuciosa pero sen concesións, sentimental pero non emotivista, dun estado de cousas que, de non buscar solucións inmediatamente, creará problemáticas aínda máis fondas, no tecido político e social contemporáneo, das que ten provocado até o de agora.
Se queres coñecer máis acerca do libro, podes descargar un fragmento en
[pdf]
ou mercalo na nosa
[tenda on line]
|